Segundo confirmaron a Europa Press fontes do sindicato, CC.OO. porase en contacto cos responsables de PP, PSOE, BNG e AGE para concertar encontros nos que lles darán a coñecer as medidas aprobadas pola empresa e o SIT que, a grandes trazos, contemplan unha redución salarial do 5 por cento, limitacións na actualización dos soldos, reducións e eliminación en varios complementos, desaparición do plus de antigüidade, etc.
O obxectivo do sindicato, que xunto a UGT, CIG e CUT rexeitou o plan da empresa, é forzar a PSA a que reconsidere as medidas e dea unha nova oportunidade á negociación. Esta iniciativa está «aberta a outros sindicatos que tampouco comparten a opinión da empresa e do sindicato maioritario», segundo apuntou o responsable comarcal de Industria de CC.OO., Ramón Sarmiento.
«Creemos que é bo facer partícipes aos grupos parlamentarios do que se aprobou este luns, porque a planta de PSA en Vigo é a empresa máis grande da industria de Galicia,», sinalou Sarmiento, quen criticou a «escaseza de compromiso industrial» da compañía. «A nós non nos vale a proposta de PSA e entendemos que a eles (aos partidos políticos) tampouco debería valelos», concluíu.